ENERCOR reúne en Ferrol ao sector enerxético da provincia da Coruña

I SEMINARIO SOBRE O SECTOR ENERXÉTICO NA PROVINCIA DA CORUÑA

ENERCOR reúne en Ferrol ao sector enerxético da provincia da Coruña

diciembre 5, 2025 Uncategorized 0

Ferrol converteuse, os días 2 e 3 de decembro, no centro do sector enerxético da provincia da Coruña coa celebración da primeira edición do Seminario sobre o Sector Enerxético na Provincia da Coruña (ENERCOR 2025), organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL). Un evento que reuniu no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol a profesionais, empresas e persoas expertas de referencia para analizar a situación actual e as perspectivas de futuro do sector enerxético na provincia.

O xerente de CLUERGAL, Oriol Sarmiento, explica que “ENERCOR pretende converterse nun foro permanente de reflexión e transferencia de coñecemento sobre o papel do sector enerxético na Coruña, unha provincia cun marcado peso industrial e un enorme potencial en ámbitos como a eólica mariña, a eficiencia e a dixitalización aplicada”. Neste sentido, sinalou que durante estas dúas xornadas “abordamos un amplo abano de temáticas de máxima actualidade, con sesións dedicadas ás enerxías renovables, á eficiencia enerxética en edificios, ás infraestruturas avanzadas de monitorización ou á aplicación da dixitalización, a intelixencia artificial e os drons no mantemento de plantas fotovoltaicas. Tamén se presentaron solucións de climatización e ACS mediante bomba de calor en proxectos de rehabilitación sostible, auditorías enerxéticas, integración de renovables e novas ferramentas de asesoramento dixital”.

Cinco sesións

ENERCOR estruturouse en cinco sesións. A primeira delas estivo centrada na realidade do sector e incluíu seis relatorios sobre competitividade industrial, electrificación, eólica offshore, enerxías do mar, comunidades enerxéticas e promoción das renovables. Entre as persoas relatoras: Francisco Silva (Iberdrola), Ángel Fernández (Navantia), Raúl Villa (Exponav), Santiago González (Integria) e Fernando Vivas (Adelanta).

A Sesión 2 abordou a eficiencia enerxética e o control de instalacións, con intervencións de especialistas como Alberto Vidal (Dalp Enxeñaría e Automatización), Silvia Fernández Pérez (Eurofred), Miguel San Juan (Ledvance) e Gustavo F. Amann (CO₂ Smart Tech), que presentaron solucións innovadoras en climatización, iluminación, automatización e monitorización avanzada.

A Sesión 3 estivo dedicada á eficiencia enerxética e á integración de renovables. Nela presentáronse cuestións como o papel dos sistemas CAES, a implantación de instalacións fotovoltaicas en centros educativos ou as auditorías enerxéticas, da man de Marta Aguilar (Creara), Fernando Blanco (Xunta de Galicia), Alejandro Pardo Caballero (SGS) e Emérito Freire (INEGA).

Pola súa banda, a Sesión 4 puxo o foco na innovación, destacando proxectos como o programa europeo Shorewinner, presentado por Félix Orjales (UDC), que busca o desenvolvemento de novas formacións (FP e universitarias) aliñadas coas necesidades da industria (en especial a eólica); a tecnoloxía de captura e valorización de CO₂ a bordo de buques, explicada por Julián Fontela (Willbö); a aceleración da innovación en baterías mediante novas metodoloxías, presentada por Israel Temprano (UDC); ou o proxecto Generadrón, que permite a inspección de aeroxeradores con drons sen necesidade de deter a máquina, a cargo de Alejandro Ávila (Aeromedia).

A última parte do seminario estivo dedicada á dixitalización no sector enerxético. Así, a Sesión 5 incluíu relatorios sobre o uso da IA e dos drons para o mantemento avanzado de plantas fotovoltaicas, presentados por Pablo Álvarez (ITG), quen tamén expuxo “o noso sistema predictivo de presenza de residuos e corrosión en plantas fotovoltaicas con procesado automático de imaxe térmica e hiperespectral”; solucións de asesoramento enerxético dixital como Oiio, da man de Jorge Leira (Reganosa), para reducir os custos da factura eléctrica en negocios, persoas autónomas e particulares; ou as últimas tendencias en ciberseguridade enerxética, presentadas por José Carlos Pérez (Emetel).

ENERCOR, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, nace co obxectivo de poñer en valor o peso estratéxico do sector enerxético na provincia e reforzar a cooperación e a difusión do coñecemento técnico e científico. Por este motivo, desde CLUERGAL esperan que teña continuidade nos vindeiros anos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

ENERCOR 2025
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.